Seguindo coas tarefas co curso, levo uns días pelexando co Scoop.it
A primeira dúbida foi na búsqueda do tema. Non quixen que fose moi xeral pola abundancia de recursos que podería atopar, o que non deixaría facer unha correcta avaliación do programa. Ao final decidinme software matemático, centrándome sobre todo no software libre, aínda que tamén vou engadir algunha ferramenta web.
Pulsando en Sugested content - Menage sources ábrense as ferramentas que permiten engadir fontes ou facer buscas en google, Youtube, Slideshare, etc. Primeiro engadín un montón de palabras no buscador: software libre, matemáticas, álxebra, análise, xeometría... Acabé borrando case todos. Os resultados obtidos obrigaban a pasar moito tempo seleccionando, sen contar con que palabras como análise ou funcións daban moitas páxinas non relacionadas coas matemáticas.
Ao final busquei ferramentas xa coñecidas (GeoGebra, Scilab...) e engadín enderezos de blogs de software libre, matemáticas e ferramentas web 2.0. Ao final os resultados están sendo bos, pero aínda hai moito que filtrar.
Dous fallos graves que cometín: nos recursos engadidos non estou poñendo etiquetas nin comentándoos. O das etiquetas pode ser moi importante no futuro para atopar recursos relacionados cunha ferramenta ou un tema. O de comentar os recursos propostos está dentro dos pecados capitais que cometen os malos curadores segundo a presentación de Ramiro Aduviri: non engadir valor adicional. Pero dame moita pereza, así que van quedar así.
En fin, que a ferramenta estame gustando e a vexo moi útil para buscar e seleccionar recursos, aínda sen ter intención de facer de curator.
